28 feb. 2012

Velocidade ao volante

Artigo de CONSUMER EROSKI que intenta aconsellar aos conductores sobre prácticas de velocidade adecuadas ao volante. CONSUMER EROSKI é a publicación gratuita da FUNDACIÓN EROSKI que trata de aorientar aos consumidores para que acerten nas decisión da sús vida diaria.
www.consumer.es





19 feb. 2012

Á ESPERA

Este blogue está fundamentado na necesidade da educación viaria nos centros educativos. O equipo de Eduvial defende a súa inclusión na aula e na vida diaria da comunidade educativa e da cidadanía en xeral.

Este blogue pretende ser un recurso, un sitio onde aloxar distintos enlaces e información relacionada coa Educación Viaria dentro da aula pero tamén fóra dela, en talleres ou actividades relacionadas ou como lectura informativa.


Tamén nos gustaría facer constar que a información está recollida de diferentes enlaces públicos e do curso Estratexias didácticas de educación para a seguridade viaria no ensino non universitario. Edición 2012 DO SERVIZO PLATEGA PARA A FORMACIÓN DO PROFESORADO (CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN) 
Servizo do que permanecemos á espera de que nos acepte a utilización desta información :)

CONSELLOS PARA PEÓNS


  • Mirar sempre antes de cruzar e agardar a que paren para facelo.
  • Esperar na beirarrúa (non na calzada) e cruzar polos pasos sinalizados.
  • Camiñar pola beirarrúa, cando a haxa.
  • Obedecer o semáforo.
  • Poñer atención á saída de vehículos (por exemplo, cando saen dun garaxe).
  • Escoller o camiño máis seguro (rúas con beirarrúas anchas, máis iluminadas...).
  • Ser conscientes das súas limitacións funcionais (ex. tomar precaucións á hora de cruzar unha rúa con semáforo cando a luz verde empezou a pestanexar).
  • Ter en conta os efectos da medicación sobre as súas capacidades; procurar saír acompañado á rúa.
  • Evitar facer grupos que atranquen as beirarrúas, obrigando a outros peóns a baixar da beirarrúa para pasaren.

DEBERES DOS PEÓNS

Os peóns están obrigados a transitar pola beirarrúa salvo que esta non exista ou non se poida andar por ela; neste caso poderán transitar pola beiravía e, se non a hai, pola calzada, pero sempre polo lado esquerdo no seu sentido de circulación1.
Cando os peóns transiten pola beiravía ou pola calzada, farano sen entorpecer a circulación e aproximándose o máximo posible ao bordo dereito.
Cando se transite de noite por unha vía fóra de poboación ou con condicións meteorolóxicas adversas, deberemos levar posto un elemento luminoso reflector homologado que nos faga visible a 150 m de distancia para os vehículos que se acheguen.

LEMBRA QUE:
O alumnado, no horario de inverno, debería levar elementos reflectores cando se dirixen ao centro ou á parada de autobús. En moitas ocasións transitan pola beiravía, insuficientemente iluminada, poñendo en perigo a súa vida.

Cando levemos un grupo de nenos e teñamos que transitar con eles de noite por unha calzada, ademais de poñerlles cadanseu elemento reflector, no lado máis próximo ao centro da calzada deberemos levar luces para precisar a nosa situación e as dimensións do grupo; estas serán de cor branca ou amarela diante e vermella detrás.
Para atravesar unha calzada farase por onde existan pasos de peóns debidamente sinalizados e cumpriranse sempre as seguintes regras:
  • Obedecer o semáforo para peóns, se o hai.
  • Se quen regula o tráfico é un axente, obedecer as súas indicacións.
  • Nos resto dos pasos de peóns2, aínda tendo preferencia, cruzar só cando a distancia e a velocidade dos vehículos que se aproximen permitan facelo con seguridade.
  • Ao atravesar unha estrada, camiñar perpendicularmente ao seu eixe, sen demora, sen deterse nela sen necesidade e sen entorpecer o paso dos demais.
  • Non atravesar as glorietas (hai que darlles a volta).
  • Non facer autostop nas autoestradas nin nas autoestradas.3


    1 Para veren os vehículos de fronte. Con todo, Poderán facelo pola dereita se por motivos de seguridade transitar pola esquerda fose un perigo para a seguridade viaria tanto dos propios peóns coma dos outros usuarios da vía.
    2 Sinalizados coa marca viaria ou co sinal vertical.
    3 Os peóns non poden transitar nestas vías. Os condutores que se sintan apelados deben facer caso omiso desta petición (isto inclúe as explanadas das estacións de peaxe).

CONSELLOS PARA EVITAR ATROPELOS




 Imos ver as regras que deben seguir para evitar os atropelos de peóns e o respecto que deben ter por outros usuarios como os ciclistas, que cada vez comparten máis o espazo nas nosas estradas.
  1. Cómpre respectar sempre os límites de velocidade, pero sobre todo na cidade: un atropelo a un peón a máis de 50 km/h é mortal.
  2. Cando vexamos que un vehículo se detén diante nosa, é moi probable que baixen pasaxeiros e saian sen fixarse. Isto pode dar lugar a un atropelo. Non debemos permitir que baixen do noso coche pola zona que circulan os vehículos, senón polo lado externo da calzada.
  3. É unha conduta de risco ser peón e ir falando ou chateando polo móbil: hoxe en día é moi frecuente cruzarnos con persoas máis pendentes da conversa que están mantendo ca do tráfico, sen ver os vehículos que se aproximan a eles.
  4. Hai que ter moito tino coas saídas dos garaxes, sobre todo se son en rampla, xa que é máis difícil ver os peóns ao saírmos. Así pois, hai que reducir a velocidade e manter o control do vehículo en todo momento.
  5. As saídas dos centros educativos teñen moita accidentalidade: son os lugares máis perigosos pola alta frecuencia que hai de accidentes nas súas proximidades. Ao acabaren as clases os nenos teñen problemas de atención, que unido á súa baixa percepción do risco e á súa menor visibilidade, obriga o condutor a ter unha maior precaución cando está circulando polas súas proximidades.
  6. Non se debe aparcar indebidamente: aparcar sobre un paso de peóns ou sobre a beirarrúa obriga aos peóns a invadir a calzada.
  7. Ao circular cun vehículo non se lles debe facer sinais aos peóns para que crucen a calzada, os demais condutores poden non darse de conta da súa presenza e o peón confiado pode ser atropelado por outro coche.
  8. Cando vexamos un ciclista que circula pola beiravía ao adiantalo fóra de poboación temos que deixar unha separación de 1,5 m como mínimo e invadir,se fose necesario, o carril de sentido contrario, aínda habendo liña continua, para facelo con seguridade.
  9. Se imos pisar unha beiravía pola que circulan ciclistas para entrar noutra vía, debemos deixalos pasar a eles primeiro e, se vemos que non percibiron a nosa presenza, podemos utilizar a bucina para que se dean de conta.


     Os ciclistas teñen accidentes porque se distraen, por xiros incorrectos, por circular fóra da beiravía ou por non respectar os semáforos e sinais verticais (STOP ou ceda o paso). A maioría destes usuarios collen a bicicleta para faceren deporte e non se decatan de que son condutores dun vehículo. Os outros usuarios deben extremar a precaución para evitar atropelos, xa que en moitos dos casos son mortais.
Aínda que os accidentes de ciclistas se producen ao longo de todo o ano, increméntase de forma considerada coa chegada do bo tempo, a maioría ocorren por choques contra un turismo e nas rectas.

CONSELLOS PARA MOTORISTAS




Se co ciclomotor xa vimos que podemos ir a máis velocidade ca coa bicicleta, coa moto o perigo é o dobre. As motos poden ir á mesma velocidade ca un coche e circular polas mesmas vías e polos mesmos sitios ca un vehículo de catro rodas, coa desvantaxe de que a carrozaría da moto, en caso de accidente, é o corpo do condutor.
Cada día vense máis motos polas vías públicas e iso débese a que se trata dun vehículo moi fácil de aparcar e tamén porque co carné de coche con tres anos de antigüidade xa se pode conducir unha moto ata 125 cc.
Segundo un informe actual, o número de motos que circulan polas vías públicas incrementouse nun 30% respecto do ano 2009. Un 7% desta porcentaxe pertence a mulleres que utilizan este medio de transporte como algo habitual para ir ao traballo ou facer as súas tarefas cotiás. As motos que conducen e compran son de pouca cilindrada e pouco peso, normalmente de 125 cc; buscan sobre todo que sexan cómodas e útiles, que teñan prestacións para levar bolsos grandes ou incluso espazo nos pés para levar algunha compra.
As mulleres teñen menos accidentes ca os homes (igual ca nos coches) pero pagan máis de seguro obrigatorio ca eles1.
As motos circulan polos mesmos carrís ca os vehículos de catro rodas e teñen as mesmas velocidades establecidas ca estes, pero cando vaian adiantar a outro vehículo teñen que deixar unha separación de 1,5 m como mínimo e invadir o carril de sentido contrario para facer o adiantamento con seguridade.
Dende hai dous anos as motos, os vehículos de tres rodas e os ciclomotores poden arrastrar un remolque sempre que este non supere o 50% da masa en baleiro do vehículo que o arrastre e cumpran tres condicións:

  • Só poderán circular de día e en condicións que non diminúan a velocidade (por exemplo, con néboa non poderán facelo).
  • Teñen que circular co remolque a un 10% menos da velocidade establecida para esa vía (por exemplo, se a velocidade da vía é 100 km/h, irán co remolque a 90 km/h).
  • Non se poden transportar persoas no remolque.
As persoas que viaxan en motocicletas teñen que levar sempre o casco, e o condutor é o responsable da moto se o que vai detrás non o leva posto. Igualmente, as motos teñen que levar acesa tanto de día coma de noite a luz de cruzamento.
Un dos principais problemas das motos é a velocidade inadecuada, presente na metade dos accidentes. Ademais, a probabilidade de que o accidente sexa mortal é un 60% maior.
Cando ante un inminente perigo haxa que reducir a velocidade, farase empregando as luces de freo reiteradamente ou ben movendo o brazo de arriba a abaixo con movementos curtos e rápidos, e logo reducir a velocidade sen brusquidade para que non se produza risco de colisión cos vehículos que circulan detrás.
Para poder conducir calquera destes vehículos (excepto, claro está, para as bicicletas) existen distintos permisos de conducir. Moitos pais mércanlles aos seus fillos quads, ciclomotores ou mesmo motos de baixa ou alta cilindrada e non saben que requisitos cómpre ter para poder conducir ese vehículo. Estes permisos detállanse como segue:
AM: Autoriza a conducir vehículos ata 50 cc (ciclomotores); a idade mínima 15 anos; non se pode levar acompañante ata os 18 anos.
A1: Para conducir vehículos de máis de 50 cc ata 125 cc; tamén autoriza a conducir triciclos de motor ata 15 kw. A idade para obter iste permiso son 16 anos.
A2: Para conducir motos de máis de 125 cc ata 400 cc (35 kw), a idade son 18 anos.
A: Para conducir motos de máis de 400 cc e triciclos ata 15 kw, si ten máis de 15 kw, a idade 21 anos.


1 Parece que a razón reside en que, aínda que teñen menos accidentes, cando se producen son máis graves ca os dos homes.

CONSELLOS PARA LEVAR UN QUAD

http://www.flickr.com/photos/51391216@N00/35396121



No mercado existen varios tipos de quads. Hai que poñer atención ás súas características tendo en conta a finalidade para a que adquirimos este vehículo:
  1. Quads non matriculables: Non están incluídos no Regulamento xeral de vehículos, non poden circular polas vías públicas; non se necesita ningunha licenza pero só se pode circular con eles por circuítos pechados. Son modelos que frecuentemente se lles mercan aos rapaces de 10-11 anos para circular por circuítos cerrados, propiedades privadas... é o que se chama vulgarmente os "miniquads". Exemplos son os Apache mini, Honda TRX 90, etc.
  2. Cuadriciclos lixeiros: levan unha matrícula igual ca a dos ciclomotores (amarelas). A masa en baleiro é igual ou inferior a 350 kg, a cilindrada ata 50 cc e a velocidade máxima 45 km/h. Pódese conducir coa licenza AM igual ca a de ciclomotor. Non poden circular por autoestradas e autovías, teñen que facelo pola beiravía e, se non a hai, o máis pegado ao bordo dereito da calzada. A idade mínima para conducilos é 15 anos.
  3. Quads: levan unha matrícula igual ca a dos turismos, poden circular por todo tipo de vías igual ca o resto de automóbiles. O límite máximo de velocidade é 70 km/h. Para poder conducir estes vehículos, se non pasan de 550 kg e se dedican ao transporte de mercadorías, necesitamos o permiso de ciclomotor AM se non pasan de 50 cc; se o quad pasa de 550 kg, necesitamos o permiso de coches (o B); se ten máis de 15 kw, ademais de necesitar o permiso de conducir de coches (o B) o condutor ten que ter 21 anos.
  4. Quads "vehículos especiais": se está matriculado como vehículo especial debe figurar na tarxeta ITV do vehículo e deben levar matrícula de VE. Ademais, na parte posterior do vehículo ten que levar a velocidade máxima á que poden circular. Para conducilos cómpre ter o permiso da clase B.

Novidades dos ciclomotores

Dende o ano 2011 hai dúas novidades importantes con respecto a estes vehículos:
  1. Non é obrigatorio que circulen coa luz de cruzamento.
  2. Salvo prohibición expresa da ordenanza municipal, os ciclomotores poden estacionar (aparcar) sobre as beirarrúas, isto é, se non hai un sinal de prohibido estacionar os ciclomotores, estes poden facelo por onde deben transitar os peóns.

CONSELLOS PARA LEVAR UN CICLOMOTOR



Conducir un ciclomotor pode dar lugar a máis problemas ca unha bicicleta xa que é un vehículo autopropulsado, a velocidade é máis elevada ca a dunha bicicleta e circúlase sobre todo en vías urbanas polos mesmos carrís ca o resto de vehículos, moito máis grandes.
Para poder conducir un ciclomotor1 hai que ter o permiso de conducir AM2. Hai que facer un exame teórico e un práctico igual ca outro carné. A idade mínima para obtelo é 15 anos, pero non se pode levar acompañante ata os 18 anos. Isto implica, por exemplo, que un rapaz con 16 anos non pode levar o seu irmán de 8 ou 10 anos de copiloto detrás.

Os menores poden ir de "paquete" atrás en ciclomotores e motos se son maiores de 12 anos. Excepcionalmente poden viaxar de copilotos se son maiores de 7 anos e quen conduce o ciclomotor ou a moto é o pai, nai, titor ou persoa responsable dese neno. Nunca se poden levar os menores entre o guiador e o condutor.
O principal elemento de seguridade pasiva nun ciclomotor é o casco. Pode reducir ata un 40% o número de mortos que van en ciclomotor e un 70% de lesións cerebrais. É obrigatorio levalo posto tanto en vías urbanas coma en interurbanas, tanto o condutor coma o acompañante. Ten que estar homologado, ben suxeito na cabeza e da medida adecuada. Non levalo posto é sanción grave e supón a retirada de 3 puntos.

Ao circular por unha vía interurbana hai que facelo sempre pola beiravía, se a hai; senón a houbese o máis pegado ao bordo dereito da calzada, nunca polo centro dun carril coma se fose un vehículo calquera. Non se poden superar os 45 km/h en ningún tipo de vía.




1 Vehículo ata 50 cc., a partir desta cilindrada xa é moto.
2 Agora xa non é licenza, senón carné de conducir.

CONSELLOS PARA CICLISTAS

http://www.flickr.com/photos/51035555243@N01/52111102

Son o primeiro vehículo ao que pode ter acceso un rapaz. O feito de asociala a unha actividade fundamentalmente lúdica fana inofensiva a primeira vista. De todas as maneiras, no momento que se pon en circulación a unha velocidade determinada ou circula por tramos irregulares ou pola vía pública ao carón dun vehículo de motor, pode tornarse nun perigo potencial, cando en realidade é un magnífico instrumento de xogo, deporte e transporte.
Aínda que os accidentes de ciclistas se producen ao longo de todo o ano, increméntanse de forma considerable coa chegada do bo tempo. Analizaremos as consideracións que debemos ter en conta á hora de circular coa bicicleta por unha vía pública.
Pola súa simplicidade mecánica debemos fixarnos fundamentalmente nos freos e nas rodas. Teñen que estar en perfecto estado e ademais é importante comprobar que as rodas están ben suxeitas no cadro. Hai que ter en conta que nos vehículos de dúas rodas, en caso de desestabilización, é o noso corpo o que bate co firme e co obstáculo que encontremos nel. Por iso, para ser un bo ciclista debemos coñecer as normas fundamentais:
  • Colocar sempre o casco e os elementos protectores nos cóbados e nos xeonllos. O casco irá sempre ben suxeito, nin moi apertado, nin moi frouxo.
  • Non utilizar auriculares cando vaiamos en bicicleta, porque non oiremos se os condutores doutros vehículos alertan dalgún problema coa bucina.
  • Circular sempre en fila india ou en columna de dous, excepto nas curvas ou en lugares de pouca visibilidade, onde sempre circularemos en fila india.
  • Cando nos aproximamos a alguén que non nos viu, utilizar o timbre.
  • Non facer malabarismos coa bici.
  • Cando se circule por estrada, utilizar os carrís bici1 se os hai ou a beiravía da dereita. Se tampouco houbese beiravía, deberemos circular o máis pegados ao bordo dereito da calzada.
  • Pola cidade, o condutor dunha bici é condutor dun vehículo, polo tanto, hai que respectar semáforos, axentes, stops e demais sinais.
  • Respectar os pasos de peóns e deixar cruzar a quen xa estea cruzando ou a piques de facelo.
  • Gardar a distancia de seguridade con respecto aos vehículos que circulen diante.
  • Non levar nunca pasaxeiro detrás (agás se levamos unha cadeira homologada para levar un menor (que teña entre 2 e 7 anos) e, evidentemente, con casco. Está prohibido levar amigos de pasaxeiros, de pé ou apoiados nos estribos da bici.
  • Os usuarios de bicicletas non poden circular nunca por autoestradas, si por autovías se o condutor da bici é maior de 14 anos e non hai un sinal que prohiba a entrada a bicis (aínda que na maioría delas xa as hai).
  • As bicicletas de fábrica non traen luces porque non é obrigatoria a súa instalación; pero si é obrigatorio que cando unha bicicleta circule entre o anoitecer e o amencer leve instalada unha luz de cor branca diante e outra vermella detrás, ademais de levar elementos reflectores homologados. Cómpranse á parte e os seus condutores teñen que instalalos no vehículo. A condución nocturna coa bici é moi perigosa, por iso, en caso de facelo, levarase unha prenda reflectora que faga visible o condutor a 150 m de distancia e, a ser posible, roupa de cor clara. Non confundir as luces cos catadióptricos que traen as bicicletas xa de fábrica (non serven para circular de noite).
  • Nunca se debe falar polo móbil cando se conduza nunha bicicleta.
Os condutores de bicicletas están obrigados a someterse ás probas de alcoholemia. As taxas que se lle aplicarán son as de condutores normais: 0,5 g/l sangue que equivale a 0,25 mg/l aire expirado.
Os pais que lles permitan aos seus fillos circular cunha bicicleta teñen que saber que deben coñecer todas as regras e valorar se un neno de 12 ou 13 anos está preparado para isto. Nin que dicir ten que é de obrigado cumprimento que circule con casco e roupa adecuada para facelo.


1 A existencia de carrís bici como elemento de seguridade viaria adoita ser obxecto de polémica: Carballo1Carballo2Lugo. Pola contra, para outros concellos é un elemento da calidade da vida: A Coruña.

Os nenos fan o que ven

Dende Eduvial sempre decimos e pensamos que os máis pequenos e pequenas, aínda que nos pareza que non, permanecen atentos a canto facemos e despois ... nos imitan.
A imitación é un dos procedementos de ensino máis básicos e primarios, a xente adulta ás veces non nos damos conta desta aprendizaxe invisible que realizan canto nos vén sen discriminar no bo e no malo, sen pararse a pensar niso: se os adultos o fan eles tamén.
E para mostra un exemplo de situacións un tanto esaxeradas pero que nos poden facer pensar nas máis cotiás...

USUARIOS VULNERABLES

Pincha na foto para acceder ao artigo realizado pola DXT

USUARIOS DA VÍA E ACCIDENTES




Todos nós somos conscientes de que os usuarios da vía, a súa seguridade e mais o respecto que estes teñan polos demais é o cerne fundamental do noso curso. O que ocorre é que moitas veces non reflexionamos sobre que é o que realmente temos que ter en conta cando analizamos o seu comportamento. Existen factores externos e puntuais, condutas sociais aprendidas ou elementos puramente biolóxicos do noso propio ciclo vital que van marcar o uso que fagamos da vía.
Debemos analizar cales son os factores que poñen en risco a nosa condución ou a dos outros, saber evitar aqueles que poidamos e, sobre todo, coñecer moi ben as nosas limitacións.
En calquera situación de tráfico podemos distinguir tres elementos principais:
  • A persoa que conduce: responsable do 70-90% dos accidentes de tráfico.
  • O vehículo: cunha responsabilidade do 4-13% da sinistralidade viaria.
  • A vía e o seu contorno: responsable do 10-35% dos accidentes.
Polo tanto, a pesar da importancia dos fallos das estradas (trazado, anchura, puntos negros...), da influencia dos factores atmosféricos, sobre todo no noso país (escuridade, néboa, chuvia, xeo, etc.) ou os fallos mecánicos dos vehículos (freos, pneumáticos, suspensión, etc.), a causa que explica a maior parte dos accidentes é o factor humano. Ademais, os propios condutores coinciden nesta sentenza: as condutas dos demais usuarios son para eles o maior perigo1. É máis: moitos sinistros en que se sinala o vehículo ou a estrada como causa adoitan ter como desencadeante a falta de responsabilidade humana, pois se o/a condutor/a reaccionase doutro xeito evitaríase o accidente (ex. un rebentón nunha roda pode deberse a un mal mantemento dos pneumáticos, do que o/a condutor/a é responsable).
Todos compartimos o mesmo espazo viario con igual dereito e todos debemos ter unha actitude de convivencia, de comprensión e de tolerancia cara ás particularidades dos demais.


1 Por esta orde: o factor humano, as condicións da vía, o fallo mecánico.

COMEZAMOS

Hoxe comezamos a nosa andaina neste blogue que será continuación dos nosos anteriores

EDUVIAL
EDUVIAL ON-LINE




Non nos esqueceremos deles pero centrarémonos na publicación dos nosos traballos neste outro.
Agardamos atoparnos con moitas amizades polo camiño, se queres podes acompañarnos. ;)