ASOCIACIÓNS

Co comezo da nova lexislatura, as principais asociacións involucradas na seguridade viaria fixeron unha serie de propostas para os próximos anos, o obxectivo común e seguir reducindo a sinistralidade e que cada vez sexan menos as persoas afectadas polos accidentes de tráfico. O que piden é:
  • STOP Accidentes / Aesleme / P(A)T: Consolidar a tendencia á baixa dos accidentes de tráfico e que o Goberno se implique ao máximo na consecución do consenso público en temas de seguridade viaria.
  • FESVIAL (Fundación para la Seguridad Vial): Incidir en factores concretos como peóns maiores, os vehículos de dúas rodas, a accidentalidade en vías fóra de poboación, a mellora da atención ás vítimas, a vellez do parque de vehículos ou a formación dos futuros condutores. Por todo isto, demándalle ao novo Goberno que a crise non sexa motivo para deixar de investir en seguridade viaria porque iso supoñería dous graves problemas: primeiro, un incremento dos mortos e feridos (co seu custo emocional e familiar); e segundo, un custo económico insostible derivado da sinistralidade (calculouse en anos anteriores nuns 16.000 millóns de €/ano en toda España).
  • RACC (Real Automóvil Club de Cataluña): O que piden é "alcoholemia cero" ao volante, sobre todo para condutores noveis, profesionais, motos e ciclomotores. Así mesmo demandan alcolocks1 para condutores reincidentes con positivos de alcoholemia. Así mesmo o RACC tamén pide a condución acompañada2 antes de obter o permiso.
  • RACE (Real Automóvil Club de España): o reto para esta asociación é que, se fomos quen de reducir o número de falecidos nun 50%, agora deberiamos propoñernos xunto co Goberno unha cifra de "cero mortos". Non é algo utópico, senón o modelo que aplica a administración sueca e que tan bos resultados lle dá, centrándose na formación do condutor e na conservación das estradas.
  • AMM (Mutua Motera): esta asociación de motociclistas piden protección para motoristas nos gardarraís en todos os tramos curvos, uso obrigatorio de pinturas con coeficiente de rozamento igual ao do asfalto, incentivo público dos cursos de condución segura e a creación dun organismo de carácter independente con autoridade e competencias en materia de seguridade viaria.
  • CENAE (Confederación Nacional de Autoescuelas): este colectivo aposta pola formación, que toda a formación dos futuros condutores pase polas autoescolas cunha obrigatoriedade presencial de clases teóricas sobre seguridade viaria e clases de condución eficiente para todos os aspirantes.
  • CONBICI (Coordinadora en Defensa de la Bici): esta asociación pide unha Lei de tráfico e un Regulamento de Condutores que outorgue á bici un trato preferente, a creación de "cidades 30" para garantir a mobilidade sostible con preferencia dos medios saudables, tolerancia cero cos excesos de velocidade en cidades, maiores medidas para a seguridade dos ciclistas nas calzadas e crear máis carrís bici nas cidades ou "sendas ciclais" para facer que estes vehículos circulen máis seguros por as vías.
  • ECOLOXISTAS EN ACCIÓN: pídenlle ao novo Goberno que as CC.AA (as competentes na calidade do aire) poñan en marcha os plans adecuados para que se deixen de superar os límites legais de contaminación nas nosas cidades. O Goberno central pode e debe ter un papel máis belixerante nesta cuestión, esixindo e auditando estes plans, denunciando as administracións locais infractoras e informando á poboación.

    1 Os alcolocks son uns aparellos parecidos aos etilómetros que impiden poñer en marcha o motor se se está baixo a influenza do alcohol. Estes aparellos xa se incorporaron en Suecia e EUA a vehículos propiedade de persoas condenadas por conducir cunha concentración excesiva de alcohol en sangue. Pero esta tecnoloxía é custosa e necesítase cambiar cada vez unha boquilla.
    2 A condución acompañada é un proxecto en debate. A idea é que un rapaz con 17 anos podía conducir un vehículo despois de aprobar o exame teórico do carné de conducir e despois de facer unhas prácticas mínimas na autoescola. Cando cumprise os 18 anos examinaríase do carné, pero ata entón podería conducir acompañado por unha persoa que teña como mínimo 5 anos de experiencia conducindo e cun "expediente" como condutor exemplar. Máis información: artigo de El País, e de Circula seguro.




    INFORMACIÓN RECOLLIDA NO Estratexias didácticas de educación para a seguridade viaria no ensino non universitario. Edición 2012 DO SERVIZO PLATEGA PARA A FORMACIÓN DO PROFESORADO (CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN)