NORMATIVA

AS NORMAS DE CIRCULACIÓN. LEXISLACIÓN APLICABLE
No Estado español todas as cuestións relativas á circulación de vehículos e á seguridade viaria depende da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), que é un organismo do Ministerio de Interior1. Deste departamento emana a lexislación aplicable2 en todo o Estado:
  • Lei de circulación de vehículos a motor e seguridade viaria3 (1989), que derrogou o antigamente chamado Código da circulación4 (1934). Esta lei constitúe o marco legal a partir do cal se desenvolveu os regulamentos que a sucederon. Foi modificada pola Lei 18/20095.
  • Regulamento xeral da circulación6, aprobado polo Real decreto 1428/2003: regula todo o relativo á circulación de vehículos (manobras, taxas de alcoholemia, velocidade, utilización de carrís, etc.). Foi modificado polo Real decreto 303/20117.
  • Regulamento xeral de condutores8, aprobado polo Real decreto 818/2009: regula os permisos e licenzas para conducir no territorio español, os permisos internacionais para conducir, as aptitudes psicofísicas necesarias, as probas de capacitación para poder conducir un vehículo, etc.
  • Regulamento xeral de vehículos9, aprobado polo Real decreto 2822/1998: regula as condicións técnicas que teñen que posuír os vehículos, as datas das inspeccións, a matriculación, sinalización e iluminación, documentación e cambios de titularidade dos vehículos, etc.


1 Galicia non ten transferidas as competencias en materia de tráfico e seguridade viaria, como si teñen o Euskadi e Cataluña.
2 Compilación da lexislación aplicable na páxina da DXT.
3 BOE do 28 de marzo de 1989.
4 Moitos divulgadores e mesmo técnicos do ramo aínda hoxe seguen a falar do "código" en referencia a esta lei, en vez de falar do "regulamento" ou da "lei de circulación".
5 BOE do 24 de novembro de 2009.
6 BOE do 23 de decembro de 2003.
7 BOE do 5 de marzo de 2011.
8 BOE do 8 de xuño de 2009.
9 BOE do 26 de xaneiro de 1999.


REFORMAS LEGAIS


Todos estes regulamentos precisan actualizacións, polo que están suxeitos a cambios e modificacións cada certo tempo. Normalmente estes cambios teñen como finalidade plasmar as iniciativas da UE para os seus estados membro, que teñen no espazo europeo tamén un espazo común. Por outra banda, o Goberno tamén realiza modificacións para actualizar normas que quedaron en desuso ou para introducir cambios que adapten a normativa aos novos tempos. Observa como cambiou a circulación dende a década dos sesenta ata agora no seguinte vídeo: Troles e tranvías a Coruña.
A última reforma que se levou a cabo da Lei de seguridade viaria data do ano 2010, en concreto, entrou en vigor en maio do devandito ano. O seu obxectivo é conseguir que as nosas estradas sexan cada vez máis seguras e reducir o número de falecidos nas nosas vías (ver módulo de sinistralidade, onde falamos da redución do número de falecidos do ano 2011).
A DXT escolleu como slogan para darlles a coñecer aos cidadáns o contido da reforma: "Cambiaremos para mellorar". Para iso, ademais dos medios de comunicación, tamén se enviaron por correo ordinario a 17 millóns de condutores un tríptico coas normas que se modificaron.
QUÉ CAMBIOU

As infraccións que restan puntos pasaron de 27 a 20. Xa non restan puntos conducir de forma neglixente1, conducir por autoestradas ou autovías con vehículos expresamente prohibidos, parar ou estacionar en carrís bus, circular con menores de 12 anos en motos ou ciclomotores, parar ou estacionar en lugares que sexan un risco para os peóns, circular sen iluminación cando sexa obrigatorio, ocupar nun 50% máis as prazas autorizadas excluído o condutor. Todos estes casos xa non supoñen perda de puntos no carné pero seguen sendo sancionables.

  • Elimínanse as suspensións temporais de permisos de conducir por unha infracción grave ou moi grave, é dicir, podemos perder o permiso de conducir por esgotar todos os puntos ou por retirada por vía xudicial. Xa non se sanciona con 3 meses ou 15 días sen carné, agora as sancións levan aparellada (as que as leven) retirada de puntos e sanción económica, pero non retirada de carné por un tempo determinado.
  • As multas pasan a ter unha contía fixa: leves - 100 €, graves - 200 € e moi graves - 500 €, excepto as de circular con antirradares, 6.000 €, ou trucar motos, 3.000 €, e para as empresas que instalen estes dispositivos ata 30.000€. Lembramos que non se consideran antirradares os GPS que teñen memorizada a localización dos radares e avisan ao aproximarse a eles.
  • A partir do 25 de maio do 2012 todos os concellos deberán introducir os seus datos de multas na DXT a través da administración electrónica.
  • Dende o 25-11-2011, todos os condutores poden consultar a través da internet o seu saldo de puntos na dirección de correo virtual (DEV), introducindo os seus datos2.
  • Manipular o GPS mentres se conduce ou circular coa matrícula ilexible son infraccións graves. Incorpórase unha nova infracción, o feito de que o titular dun vehículo permita que sexa conducido por alguén que nunca obtivo a correspondente autorización de condución.
  • Un ciclista, se circula de noite sen a iluminación regulamentaria, considérase infracción leve. Os ciclistas están obrigados a someterse a proba de alcoholemia. A taxa que se lle aplica é a dun condutor normal: 0,5 gr/l sangue ou 0,25 mg/aire expirado. Se dan positivo é unha infracción leve pero non se lle retira puntos aínda que teña carné de conducir.
  • Os talleres poderán levar á ferralla os vehículos se os propietarios non o recollen nin pagan a reparación, transcorrido un mes dende que llelo notifica Tráfico. Co aumento da crise foron moitos os donos de vehículos que o abandonaron no taller, o que dificulta o traballo dos técnicos.
  • Se pagamos a multa nun prazo de 20 días, aplícase un desconto do 50% sobre o importe total (antes era o 30%), pero de facelo péchase o procedemento, é dicir, non podemos pagar a multa e logo recorrela. Para efectuar o pago danse todo tipo de facilidades: pódese pagar a multa na estrada e con tarxeta de crédito, pero tamén por internet, nas Xefaturas de Tráfico ou nunha entidade bancaria.
  • Se un condutor acumula catro sancións graves o moi graves sen pagar, o titular do vehículo non poderá realizar a transferencia do mesmo, aínda que si dalo de baixa.
  • Poderase proceder á inmobilización do vehículo por circular en moto sen casco, sen seguro, sen permiso, con antirradares, baixo os efectos do alcohol e drogas, por negarse a someterse ás probas de alcoholemia, por excederse nos tempos de condución e descanso (os profesionais) ou por superar os niveis de gases e fumes.
  • O infractor é o responsable das sancións, pero hai que facer algunhas matizacións: se o acompañante non leva casco na moto ou ciclomotor o responsable é o condutor; se os menores viaxan sen SRI o condutor tamén é o responsable e farase cargo da sanción pecuniaria do menor.
En canto ás sancións, a DXT sinala que se destinará "integramente para actuacións en materia de seguridade viaria, prevención de accidentes e axuda ás vítimas".


1 Ollo: non se pode confundir condución neglixente con condución temeraria.
2 Tamén se pode recibir esta información a través doutros medios (ex. sms, correo electrónico).


QUE SABEMOS DAS NORMAS
Ata aquí vimos un resumo das novas normas que levan en vigor dende maio do 2011, pero unha enquisa estatal elaborada por FESVIAL en colaboración coa DXT chega a unha conclusión moi reveladora: "Hoxe o 95% dos condutores suspendería o carné de conducir se volvese a examinarse". A maioría dos condutores comete infraccións porque descoñece as normas, e non hai aínda ningunha lei que obrigue os condutores a "reciclarse" cada certo tempo. E nunca debemos esquecer que os menores, antes de recibir calquera tipo de formación viaria, xa son usuarios das vías.



Con todo, si que se ven visos de cambio neste aspecto no que respecta ao colectivo dos condutores profesionais (camións, autobuses). Unha normativa do Ministerio de Fomento do ano 2011 obrígaos, en función do número en que remate o seu DNI, a facer un curso de reciclaxe de 35 horas de asistencia obrigatoria denominado CAP (Certificado de Aptitude Profesional) cada 5 anos. As experiencias ata o de agora impresionan polo grao de descoñecemento que estes condutores teñen das normas.1

1 Pensemos que hai xente que leva conducindo máis de 30 anos e non actualizou os seus coñecementos sobre a normativa.



INFORMACIÓN RECOLLIDA NO Estratexias didácticas de educación para a seguridade viaria no ensino non universitario. Edición 2012 DO SERVIZO PLATEGA PARA A FORMACIÓN DO PROFESORADO (CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN)